Novas

Novas e actualidade do Grupo Cuevas

Archivos

CONVOCATORIA XUNTA XERAL EXTRAORDINARIA ACCIONISTAS

31 Outubro, 2016

Por acordo do Consello de Administración, convócase Xunta Xeral Extraordinaria de accionistas da Sociedade Ignacio de las Cuevas, S. A., que se celebrará na sala de reunión do domicilio social, sito en Rúa dos Teceláns, 5, Ourense, en primeira convocatoria o día 12 de decembro de 2016, ás doce horas, ou o día seguinte no mesmo lugar e hora, en segunda convocatoria.
Ver enlace

O GRUPO CUEVAS INTENSIFICA O SEU PLAN DE EXPANSIÓN CUN NOVO SUPERMERCADO PLENUS EN LUGO

26 Outubro, 2016

• É o terceiro na provincia e o oitavo en Galicia no seu formato.
• Conta con 651 metros cadrados e xerará dez empregos directos.
Baixo a marca Plenus, o formato de supermercados de proximidade, o Grupo Cuevas abre hoxe mércores en Lugo cidade un establecemento de 650 metros cadrados de superficie. Con esta nova apertura, Cuevas duplica a rede deste tipo de centros en Galicia en apenas dous anos e medio, o que representa un decidido impulso á extensión da súa oferta de marcas propias por toda Galicia e ao crecemento da rede comercial da compañía no segmento polo miúdo, que se completa coas tendas Aquí e Aquié, ás que se sumou o pasado ano a insignia Cuevas-Spar que conta xa con cinco establecementos en distintas localidades da provincia lucense, na que se está facendo un especial esforzo de aproximación, segundo recoñecen fontes da compañía.
A nova tenda, que se sitúa na rúa San Roque, unha das máis transitadas da cidade e nunha contorna de forte actividade e competencia comercial, xerará inicialmente dez empregos directos. Do mesmo xeito que os demais centros do grupo, apostará pola fortaleza da sección de frescos e polos produtos galegos, así como unha oferta capaz de combinar primeiras marcas e prezos moi competitivos, e moverá en conxunto ao redor de 3.000 referencias de produto.
A marca Plenus foi creada en 2011 mediante un formato novo en España. Artur Yuste, director xeral do grupo, destaca que “os Plenus están concibidos como tendas de proximidade, tanto para medianas como grandes poboacións, cun target moi variado e centrados en lograr unha importante redución de custos sen afectar en ningún caso á máxima calidade dos produtos, con marcas de referencia e unha atención preferente aos clientes”.
Con esta apertura, a rede Plenus alcanza xa as oito tendas en Galicia (dúas en Ourense, tres en Pontevedra e tres en Lugo), cunha superficie conxunta que supera os 4.000 metros cadrados (1.417 metros cadrados en Lugo). En total, os distintos establecementos integrados no grupo Cuevas a través dos diferentes formatos de venda en Galicia –incluída a distribución almacenista a través dos Cash&Carry– superan os 34.000 metros cadrados de superficie de venda, dos que o 13 % corresponden á provincia de Lugo. O plan de negocio do grupo prevé varias aperturas en datas próximas, ata alcanzar o 37.000 metros cadrados no curto prazo.
O grupo Cuevas, que cumprirá 150 anos en 2017, superou en 2015 a barreira dos 500 traballadores e máis de 200 empregos indirectos na comunidade galega, cunha cifra de negocio por encima dos 90 millóns de euros. Nese mesmo período duplicou os seus investimentos, e incrementou un 52 % o resultado bruto de explotación (ebitda), en plena expansión comercial da compañía.
Ver imaxe

PRESENTAMOS O NOSO CATÁLOGO ESPECIAL “SELECCIÓN DE NADAL”

25 Outubro, 2016

Unha vez ao ano –mágoa non foran máis- guindamos brochazos ao aire, coma espantando o frío, remexemos os sentimentos, coloreamos a rutina con bos desexos e a vida píntase de Nadal.
Ben, pois xa falta pouco. Preparemos os pinceis, os máis grandes para cubrilo todo, pero tamén os máis pequenos, para os detalles. Pintemos coas mans coma os nenos e desfrutemos coma eles enzoufándonos de maxia e enchendo os pantalóns de lamparóns verde esperanza, azul ilusión, amarelo ledicia, vermello pasión…
Que o Nadal saque as túas mellores cores…
Descargar Catálogo