Novas

Novas e actualidade do Grupo Cuevas

Archivos

GRUPO CUEVAS DESÉXAVOS BOAS FESTAS

21 Decembro, 2018

Pouca xente coñece a importancia do Po de Estrela do Nadal. É curioso, porque del depende que, cada ano, se celebre esta festividade.
As nódoas de po estelar escintilan no aire arroladas polos ventos, que as manteñen en suspensión ata que se achegan as datas natalicias. Daquela, prodúcese un estraño fenómeno meteorolóxico que provoca que as partículas de Po de Estrela do Nadal comecen a descender e a pousarse no corazón das persoas.
Un ano máis, o Nadal está servido. Gózao.
Ver postal

A UVIGO SAE A “DAR” UN DÍA DE CLASE NUN SUPERMERCADO

21 Novembro, 2018

Os usuarios da tenda Aquié covertéronse en alumnos ocasionais para aprender a distinguir a auga embotellada, coñecer as súas propiedades e diferenciar os seus sabores.
A sesión celebrada onte no supermercado Aquié de Fleming enmárcase nunha exposición en que se mostra unha selección de augas singulares do mundo.
Grupo Cuevas e o Campus da Auga levaron a cabo unha iniciativa conxunta inédita, para que profesores e estudantes da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense achegasen o coñecemento aos cidadáns de forma directa, neste caso ensinando nun supermercado para distinguir os sabores, coñecer as propiedades e entender as etiquetas das augas embotelladas.
Os usuarios da tenda convertéronse en alumnos universitarios por uns intres, e a propia tenda transformouse nunha aula improvisada. A nova experiencia permitiu mostrarlle directamente á sociedade as capacidades e a potencialidade do Campus da Auga, unha das ofertas universitarias con maior futuro de Galicia, á vez que proporcionou a quen fai a compra a posibilidade de adquirir información sobre un dos produtos máis básicos e saudables da alimentación.
Un equipo dirixido polas profesoras Concepción Pérez e Elena Falqué impartiu os seus coñecementos sobre a auga a quen tivo curiosidade por aprender, con indicacións, consellos e explicacións prácticas tras dar a probar diferentes tipos de augas. Tamén axudaron a identificar os beneficios e os seus efectos para distintas aplicacións saudables, ademais de responder as preguntas ou posibles dúbidas que se expuxeron. Ao mesmo tempo, entregouse material promocional da UVigo.
Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas, xustifica a innovadora iniciativa “porque queremos que as nosas tendas sexan tamén espazos de aprendizaxe e de coñecemento útil, onde se aproveite mellor o tempo de compra”. Así mesmo, agradeceu á Universidade de Vigo “o seu esforzo e predisposición” para atoparse coa sociedade, “porque transferir os nosos coñecementos, fainos mellores a todos”.
Enrique Barreiro, responsable do Campus da Auga, citou a divulgación como “ unha das funcións principais” do proxecto de especialización que dirixe, e destaca a importancia de que a Universidade saia das aulas e inclúa á cidadanía nos seus espazos de interacción habitual, como é, neste caso, un supermercado: “ onde estea a xente, ten que estar a Universidade contando o que fai”.
Esta singular iniciativa adquire un especial protagonismo nunha exposición instalada na propia tenda Aquié (en que se desenvolve unha programación estable de exposicións curiosas ao longo do ano), e neste caso móstrase unha selección de augas traídas de diferentes partes do mundo (de iceberg, de néboa filtrada en ouro, mesmo negra….), con especial referencia ás minerais galegas de manancial, ademais de recrear espazos e paneis explicativos para dar a coñecer os datos máis importantes sobre o mundo da auga.

RADIO GALEGA ENTREVISTA A JAVIER CAAMAÑO DURANTE A CATA DE AUGAS EN AQUIÉ FLEMING

Javier Caamaño, director da liña de supermercados do Grupo Cuevas, foi entrevistado no día de onte polo programa "A Tarde" da Radio Galega, xunto con Concepción Pérez, profesora titular da Universidade de Vigo. Na entrevista falaron do contido da exposición "Auga!", así como da xornada de cata de augas "Os sabores das augas minerais naturais", que se desenvolveu durante todo o día de onte no supermercado Aquié de Ourense.
Escoitar entrevista

GRUPO CUEVAS ENSINA HÁBITOS SAUDABLES EN ALIANZA CO CAMPUS DA AUGA

15 Novembro, 2018

Auga de néboa ou auga negra, entre as rarezas que mostra a nova exposición das tendas Aquié.
Nunha iniciativa pioneira nos supermercados españois, as tendas Aquié do Grupo Cuevas ofrecen, a través de distintas exposicións, unha experiencia integral de bos hábitos, que se poderán adquirir de forma natural e cómoda mentres se fai a compra. A nova proposta expositiva da marca ourensá está centrada en todo o que rodea ao mundo da auga, e incluirá unha sesión práctica prevista para o próximo día 20, en colaboración co Campus da auga, da UVigo.
A exposición, instalada onte na tenda Aquié de Doutor Fleming, en Ourense, e que se poderá ver ata o próximo 11 de decembro, distribúese por un sorprendente itinerario creado no interior da tenda, coa recreación de diferentes espazos e paneis explicativos sobre a orixe da auga, consellos sobre os momentos ou as cantidades ideais para bebela e xogos interactivos.
Haberá tamén un espazo específico para mostrar as augas galegas de manancial e as súas características, e unha mostra dalgunhas das augas máis singulares procedentes de diferentes países do mundo, entre elas algunhas rarezas como auga de néboa, auga de iceberg, auga negra ou auga filtrada con ouro.
Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas, xustifica a innovadora iniciativa “porque queremos que as nosas tendas sexan tamén espazos de aprendizaxe e de coñecemento útil, onde se aproveite mellor e ademais se goce no tempo de compra, e onde se poidan adquirir ao mesmo tempo hábitos saudables que melloren a calidade de vida”.
A Universidade de Vigo terá unha presenza destacada na mostra, a través do Campus da Auga, que se concretará nunha sesión explicativa a cargo de expertos, que ensinarán a facer unha valoración completa das propiedades e calidades das augas que se consomen habitualmente, e a identificar os seus beneficios e os seus efectos para diferentes aplicacións saudables.
Ver imaxe